Un iate con 10 persoas a bordo arremete contra unha batea en Cambados
Por Oskar Viéitez
Regresaban da Festa do Albariño en Cambados cando pasada a 1.30 horas o iate no que viaxaban a gran velocidade colidiu contra unha batea.
Segundo informou o 112 no barco viaxaban un total de 10 persoas das cales dúas sufriron feridas de escasa consideración.
Aínda así, un deles foi trasladado polo helicóptero Pesca I a Peinador, dende onde foi derivado en ambulancia a un hospital vigués, e a Salvamar Sargadelos levou ao outro sinistrado e os restantes oito tripulantes a Rianxo, o seu lugar de orixe.
Ademais da Salvamar Sargadelos, coa embarcación auxiliar Irmáns García Nodal, e o helicóptero, ata o lugar desprazouse onte á noite persoal de Salvamento Marítimo de Fisterra, do 061, de Gardacostas e de Protección Civil de Cambados. Ademais, acudiu a patrulleira Corvo Mariño.
O iate permanece subido sobre a batea á espera de ser remolcado.