O Goberno repartirá a partir do luns 289.500 máscaras para o seu uso no transporte público da provincia
Por Redacción
O Goberno central deseñou un operativo que permitirá a repartición de 289.500 máscaras entre cidadáns da provincia de Pontevedra que utilicen o transporte público para, desta forma, cumprir coa obrigación de utilizar estes materiais de protección nos desprazamentos en transporte colectivo establecida polo Executivo a partir deste luns.
Segundo a información facilitada polo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, o dispositivo está preparado tras a recepción esta fin de semana na comunidade de todo o material enviado polo Executivo e empezará a despregarse este luns 4 de abril coa repartición en nodos de transporte, municipios e entidades sociais da comunidade.
Esta medida coincide co inicio dun novo paso cara á "nova normalidade" e a apertura de negocios que levaban pechados desde a activación do estado de alarma e ten como obxectivo garantir o uso obrigatorio de máscara nos transportes públicos colectivos.
A provincia de Pontevedra será a segunda que máis máscaras vai recibir en Galicia. En toda a comunidade distribuiranse 835.500 en nodos de transporte, municipios e entidades sociais, das que 344.000 repartiranse na Coruña, 104.000 en Lugo e 98.000 en Ourense. Os 289.500 restantes, en Pontevedra.
A entrega deste material sanitario súmase ás realizadas con anterioridade polo Goberno á Xunta de Galicia, 3.672.494 unidades de equipamento desde o inicio do estado de alarma, das que 2.279.724 foron máscaras. Ademais, hai que engadir as 602.000 máscaras entregadas tras o permiso retribuído recuperable, que se realizou a semana do 13 de abril.
O Goberno estableceu en toda España 3.500 puntos de distribución, situados nos principais nodos de transporte, e da repartición encargaranse axentes da Policía Nacional, a Policía Autonómica, a Garda Civil, policías locais, voluntarios de Protección Civil, voluntarios de Cruz Vermella Española e voluntarios de DYA.
Ademais, repartiranse 7 millóns de máscaras entre os os municipios de toda España. Para facelo, contarase coa colaboración das delegacións e subdelegacións do Goberno e coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), os concellos, deputacións provinciais, cabidos e consells insulares.
A repartición completásese con outros 1,5 millóns a tres entidades sociais: Cáritas, Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e Cruz Vermella.
Relacionadas:
-
Máis de 120.000 máscaras repartidas na provincia para o seu uso no transporte
Por Redacción |
-
Que poden facer a hostalería e a restauración na fase 0?
Por Almu Dapena |
-
A Xunta fai balance de reparto de material de protección: 154.000 en Pontevedra, Umia e O Salnés
Por Redacción |
-
As máscaras serán obrigatorias no transporte público a partir do luns
Por Alejandro Espiño |