Telmo Martín comprométese a liquidar os problemas tecnolóxicos detectados no alumnado de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
Co obxectivo de analizar as carencias e os problemas que os pais e a comunidade educativa detectou durante o ensino a distancia obrigada polo confinamento, o Grupo de Traballo pola Calidade Educativa analizou este xoves nunha reunión telemática na que participaron as direccións dos dez centros educativos do municipio, as ANPAS, a concelleira de Educación, Paz Lago, e o alcalde, Telmo Martín.
Ademais, acudiron tamén a técnica de Educación, Ana Sampedro, e a educadora familiar de Servizos Sociais, Chus Casal.
Diversos centros educativos trasladaron os problemas de conexión a internet nalgunhas zonas, pero tamén a falta de medios dalgunhas familias que impiden a correcta comunicación e desenvolvemento de actividades.
O alcalde, Telmo Martín, explicou que previa comunicación cos centros e as ANPAS, o Concello estaría disposto a dotar ás familias con causa xustificada dun pincho USB que lles permita a conexión a internet con fins educativos e se fose necesario dun computador portátil ou tablet.
"Somos conscientes que temos un problema de conexión porque dende hai un ano R gañou os concursos en diversas zonas do Concello para despregar a fibra óptica, pero aínda non o executou", explicou.
Outra das cuestións que os directores dos colexios e institutos trasladaron á reunión deste xoves foi a necesidade dun reforzo na limpeza e desinfección tanto interior como exterior de cada centro educativo.
Dependendo da dinámica de estudo e formación de cada centro, algúns colexios e institutos manifestaron problemas para o traslado de material ao alumnado. O alcalde puxo ao dispor daqueles que o precisen este servizo que será xestionado pola Concellería de Educación para que a través da Policía Local e Emerxencias se poida levar ás vivendas os libros e material educativo.
Tanto o alcalde como a concelleira de Educación, Paz Lago, acordaron cos responsables dos centros e as familias dar traslado a algunhas das preocupacións que se escapan das competencias municipais sobre os plans para fin de curso, así como se se dispón dunha alternativa ou protocolo se a pandemia reaparece o próximo curso.