Préstamo a domicilio de libros no concello de Moraña
Por Redacción
Debido á extensión do confinamento pola crise sanitaria do coronavirus, que se prolongará alomenos ata o 9 de maio, o Concello de Moraña vén de habilitar, a través da Biblioteca Municipal, un servizo de préstamo de libros a domicilio para facilitar á veciñanza o acceso á cultura.
As persoas interesadas en reservar libros durante este tempo deben remitir un mail ao enderezo electrónico biblioteca@morana.org ou chamar ao número de teléfono da Casa da Cultura (986 552809) para pedir os títulos que lles interesen, de entre os milleiros de exemplares do catálogo da biblioteca pública, e se lles entregarán no domicilio no prazo máis breve posible ao tempo que se lle informará da data de recollida e devolución. Os veciños tamén poderán informarse telefonicamente, a través do persoal da biblioteca, dos libros que están dispoñibles.
Ademais de aos socios da Biblioteca Municipal, este servizo de préstamo a domicilio está aberto ao resto da veciñanza, xa que se admite a formalización de altas de xeito telemático ou telefónico co fin de favorecer a universalidade deste servizo. Esta iniciativa faise coincidir coa celebración, este 23 de abril, do Día Internacional do Libro.
Paralelamente, a Biblioteca Municipal vén de desenvolver varias iniciativas con motivo deste Día do Libro, como é a elaboración dun documento con recomendacións de libros para público adulto, xuvenil e infantil, que pode consultarse nas canles oficiais do Concello, e tamén organizou dous certames para participar dende a casa.
O primeiro deles, orientado aos máis pequenos, consiste no deseño e elaboración dun marcapáxinas e o posterior envío dunha fotografía do mesmo á dirección electrónica biblioteca@morana.org. O segundo certame, aberto a toda a poboación, denomínase "Palabras confinadas" e céntrase na remisión, ao mesmo enderezo, de palabras, frases ou microrrelatos sobre o elemento de compañía que supoñen os libros neste peche domiciliario.
Relacionadas:
-
1.500 pantallas protectoras para repartir entre os comercios e veciños de Moraña
Por Redacción |
-
Moraña comeza a repartición de máscaras para os menores de once anos
Por Redacción |
-
A Xunta distribúe 550 libros nos hospitais públicos da área sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
Os nenos de Moraña reciben o diploma da cuarentena
Por Redacción |
-
Conexión a internet e equipos informáticos para escolares de Moraña sen recursos
Por Redacción |
-
Moraña reforza o Servizo de Axuda no Fogar pola crise do coronavirus e suma sete novos usuarios
Por Redacción |