353 estudantes con discapacidade visual de Galicia continúan formándose a través de aulas virtuais coordinadas polo Centro da Once
Por Redacción
Un equipo de 19 docentes e persoal técnico especializado da ONCE, coordinado desde o Centro de Recursos Educativos de Pontevedra, está a desenvolver as actividades lectivas destinadas a 353 estudantes con cegueira ou con discapacidade visual severa a través da formación online.
O labor realízase utilizando imaxinación e creatividade de forma que o profesorado, os estudantes e as familias desenvolven fórmulas para adaptarse a esta situación de confinamento empregando tamén ás plataformas accesibles coas que poden intercambiar información de maneira que se continúan os estudos de cada curso.
A ONCE conta con 138 estudantes de niveis de Infantil e Primaria; 77 repartidos entre ESO e Bacharelato; 21 en Formación Profesional e 49 realizan estudos universitarios, ademais de 67 que están matriculados noutros ensinos.
A formación impártese con boletíns de actividades con ideas, materiais e temarios accesibles para o alumnado, a maioría facilitados polos servizos bibliográficos da ONCE, que manteñen a súa actividade para atender estas necesidades. José Ángel Abraldes, director do CRE da ONCE en Pontevedra indica que entre outras propostas convídase o alumnado a implicarse nas tarefas do fogar e a realizar prácticas de cociña.
Abraldes indica que as vídeochamadas son de gran utilidade nestes momentos. Esta forma de comunicación permite o achegamento, durante estes días, entre o profesorado e as familias.