Pontevedra pechou o mes de xullo cunha ocupación hoteleira do 65%
Por Redacción
Segundo os datos ofrecidos polo Concello de Pontevedra, o municipio pechou o mes de xullo cunha ocupación hoteleira do 65%.
En canto ás cifras de afluencia aos tres puntos de información turística do Concello de Pontevedra son algo inferiores ás rexistradas durante o ano pasado. O descenso foi dun 2,33% segundo as estatísticas elaboradas pola Concellería de Promoción económica e turismo.
En total foron 11.746 as persoas que reclamaron información na rede municipal, composta pola Casa da Luz e as casetas da praza de España e Eduardo Pondal-Vialia, unha cifra que non se afasta moito das 12.027 do ano pasado.
A concelleira de Turismo, Carlota Román, considera que as cifras son "moderadamente satisfactorias, tendo en conta o impacto da crise económica e as malas perspectivas xerais que había para todo o ano". Ao tempo, destaca que o mes estivo marcado "por unha importante ocupación hoteleira derivada dos eventos patrocinados pola Concellería de Deportes, como os campionatos de España de Natación infantil e de Piragüismo Novas Promesas ".
As estatísticas demostran que o 81,02% do turismo é de procedencia nacional, mentres que o restante 18,98% procede do estranxeiro. O descenso é lixeiramente superior no turismo nacional.
A media diaria de visitantes aproximouse ás 400 persoas e estase a constatar un peso cada vez maior na Casa da Luz como punto de referencia para obter información turística da cidade. Se ata este verán ás cifras de afluencia entre a Casa da Luz e a praza de España eran moi similares, nos últimos meses estase a constatar un peso cada vez maior do edificio da praza da Verdura, que informa xa un porcentaxe de turistas que supera o 40%. A tendencia é aínda máis acusada se temos só en conta o turismo internacional, pois chega ao 45% do total.
Dentro do turismo nacional, a maior afluencia procedeu de Madrid cun 21% dos nacionais, seguido do visitante procedente de Andalucía (18%). Valencianos e cataláns, son os seguintes. Entre os estranxeiros predominaron os portugueses (18%), seguidos de alemáns (14%) e franceses (13%)
O 23% dos turistas que visitaron os puntos de información de Pontevedra estaban aloxados na zona de Sanxenxo e un 21% na propia cidade. O 15% chegaron dende a zona do Salnés.
Relacionadas:
-
Agosto deixa "moi bos datos turísticos" en Sanxenxo
Por Redacción |
-
A ocupación hoteleira de Sanxenxo durante o mes de xullo mantense no 57%
Por Oskar Viéitez |
-
Poio mellora a súa ocupación turística respecto ao ano pasado
Por Redacción |
-
La Vuelta ciclista ocupará 4.787 camas en hoteis do Grove, Sanxenxo, Pontevedra, Vigo, Vilanova e Cambados
Por Oskar Viéitez |