Espérannos varios días de inestabilidade meteorolóxica
Por Redacción
A presenza dunha zona de aire frío en altura impedirá que durante a xornada do sábado entren en Galicia as altas presións desde os Azores. Así, os ceos estarán cubertos, con precipitacións en puntos do litoral atlántico ao principio do día e nubes de evolución que deixarán algún chuvasco ocasional no interior pola tarde.
Temperaturas mínimas en lixeiro descenso e máximas sen cambios significativos. O vento soprará frouxo de compoñente oeste.
O domingo a situación continuará moi indefinida xa que os principais centros de acción manteranse bastante afastados de Galicia. Deste xeito teremos un tempo cambiante, con ceos alternando momentos de nubes con outros de apertura de grandes claros; tamén agardamos algunhas chuvias de tipo illado e ocasional, máis probables no interior pola tarde. As temperaturas non terán cambios significativos. Os ventos soprarán frouxos do noroeste, con intervalos de moderado no litoral.
Para o luns, MeteoGalicia indica que unha bolsa de aire frío en altura descolgarase durante esta xornada desde as Illas Británicas, polo que a inestabilidade irá en aumento. Isto deixará unha xornada de tempo moi cambiante, con nubes alternando con claros e chuvias durante a madrugada e primeiras horas da mañá, repetíndose pola tarde en puntos do interior. As temperaturas sufrirán un descenso entre lixeiro e moderado durante este día. Os ventos soprarán frouxos de compoñente oeste, cambiando a leste ao final do día.