O goberno de Vilanova renuncia ao seu soldo de abril para destinalo a comprar unha máscara para cada veciño
Por Natalia Puga
O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, e todos os concelleiros liberados da Corporación decidiron renunciar ao seu soldo íntegro de abril, ao redor de 7.000 euros, como consecuencia da alerta sanitaria do coronavirus.
O propio Durán anunciouno este sábado a través dun vídeo publicado nas redes sociais do Concello no que explica que adoptan esta medida en "solidariedade" coa xente que non vai cobrar este mes, cos autónomos e con aqueles que se dedican a actividades económicas nas que o estado de alarma decretado para frear a pandemia está a ter un gran impacto.
"No tiene ningún mérito, solo queremos dejar constancia de esta solidaridad con la gente que lo está pasando mal", explicou Gonzalo Durán, que tamén anunciou que ese diñeiro irá destinado á poboación de Vilanova.
En concreto, ese diñeiro destinarase a comprar 10.000 máscaras lavables, unha por cada veciño do municipio. Ademais, este material de protección terá en conta a idade da poboación e encargáronse máscaras para adultos e para nenos.
Ademais de Gonzalo Durán, renuncian aos seus ingresos do Concello os concelleiros Javier Tourís, Nuria Morgade e Ana Carballa. Adrián Baños renunciará á cobranza dos ingresos que lle corresponden por asistencia a comisións de goberno.