O sector da conserva duplica quendas de traballo
Por Oskar Viéitez
Nestes días nos que está en vigor o Estado de Alarma, no sector da conserva, aínda que hai contrastes entre empresas, a carga de traballo é importante.
A elevada demanda deste tipo de produto entre a poboación que ten que permanecer illada nas súas casas levou a algunhas empresas a facer quendas dobres para satisfacer a demanda e tamén para cumprir cos protocolos que esixen as autoridades sanitarias de distanciamento entre persoas traballadoras.
Só na comarca de Arousa a conserva dá traballo a unhas 2.700 mulleres, segundo a Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE), o que representa o 55,2% do total de mulleres empregadas neste sector en Galicia.
MEXILLÓN
O mexillón é outro dos produtos que teñen unha gran relevancia nesta comarca. Segundo informa o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Arousa, este sector concentra en torno ao 70% das bateas e da produción deste molusco na nosa comunidade.
Dolores Gómez, que traballa nas bateas familiares e tamén é a presidenta da Asociación de Produtores Mexilloeiros de Rianxo (Aspromeri), segue indo ao mar como de costume, se ben os pedidos baixaron, pero non pola pandemia, senón porque esta é unha época de desove.
Outra desas mulleres que seguen a traballar para achegar o produto máis fresco ás pescaderías e supermercados, arriscando a súa propia saúde e compatibilizando este esforzo cos coidados de familiares é Marta Bugallo, propietaria dunha pescadería en Vilagarcía de Arousa.
Marta, tras tomar as precaucións indicadas polas autoridades sanitarias, mantén as portas abertas en horario reducido. Ela e a súa parella continúan cunha actividade na que non falta a visita á Lonxa de Ribeira (onde mercan o produto), á depuradora e as entregas a domicilio, que nestes días concentran o 60% da vendas totais porque baixaron os ingresos procedentes doutros clientes, como o sector da hostalaría, que ten que permanecer pechado.
Relacionadas:
-
VIDEO.- Así homenaxea a xente do mar ao persoal sanitario
Por Oskar Viéitez |
-
Opromar presenta o documental 'Bravas do mar' para reivindicar o papel da muller na pesca
Por Redacción |
-
As mariscadoras optan por quedar na casa
Por Oskar Viéitez |
-
A pesca e o marisqueo reforzan a súa seguridade ante o coronavirus
Por Oskar Viéitez |