Os sindicatos policiais reclaman información sobre as medidas preventivas adoptadas contra o COVID-19
Por Oskar Viéitez
Os representantes sindicais da Policía Nacional han reclamado información sobre as medidas preventivas que se adoptaron nas Comisarias de Galicia contra o COVID-19.
O Sindicato Unificado de Policía (SUP), a Confederación Española de Policía (CEP), a Unión Federal de Policía (UFP) e o Sindicato Profesional de Policía (SPP) denuncian a actual situación das comisarías de Galicia sinalando que na gran maioría de servizos, oficinas de denuncias, oficinas de atención ao público, entre outras, "non se dispón dos medios establecidos como necesarios para garantir a saúde dos funcionarios".
Aseguran estar "especialmente preocupados" pola falta de medios naqueles servizos máis expostos como son os grupos de apoio operacional, as oficinas de denuncias e atención ao cidadán, os axentes destinados en hospitais, as unidades de prevención e reacción, entre outros.
Entre outras informacións os sindicatos queren saber o número de máscaras e luvas de nitrilo, contedores de residuos biolóxicos, distribuídos en cada Comisaría, unidade e servizo policial e se se determinaron zonas de illamento.
Ademais piden que se lles de conta das previsións de adquisición e reposición de todo este tipo de material.
Estes sindicatos móstranse "dispostos a colaborar en todo o posible en canto á difusión de medidas preventivas, e en todo aquilo que permita unha maior protección dos Policías e un mellor servizo á cidadanía, agora toca colaborar en adoptar medidas preventivas e de actuación e sumámonos a iso, sen renunciar a que posteriormente se realicen os xuízos críticos necesarios co obxectivo dar mellorar no noso servizo público".