Cinco anos de cárcere para dous gardas civís por unha trama de contrabando de tabaco no porto de Marín
Por Redacción
Condena para catro das seis persoas xulgadas o pasado mes de xaneiro na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, por formar parte dunha trama criminal que simulaba o abastecemento para buques no porto de Marín de cartóns de tabaco exentos de aranceis e impostos.
A Audiencia Provincial acaba de ditar sentenza por esta causa de contrabando de tabaco na que estaban implicados axentes da Garda Civil de Marín e empresarios de Vigo e condena a catro dos seis implicados, entre eles, os dous axentes do instituto armado.
A sentenza impón cinco anos de prisión e inhabilitación para emprego ou cargo público durante seis anos aos dous gardas civís implicados, quen no momento dos feitos estaban destinados no porto de Marín. A ambos atribúenlles un delito continuado de falsidade en documento oficial labor por funcionario público, en relación de concurso medial cun delito continuado de contrabando.
A Audiencia tamén condena un comercial xubilado e á súa filla a seis anos e medio de cárcere e ao pago dunha multa de 2.237.954 euros por cometer un delito continuado de falsidade en documento oficial, en relación de concurso medial cun delito continuado de contrabando de tabaco na modalidade agravada. Ambos traballaron en empresas dedicadas á subministración de mercadoría libre de impostos a buques,
Segundo recolle a sentenza, os condenados idearon un plan para dispoñer de tabaco que poñer en circulación sen satisfacer ningunha clase de aranceis nin impostos, consistente en finxir inexistentes operacións de abastecementonas que facían figurar como destinatarios da mercadoría buques que non o eran en realidade e que, en moitos casos, estaban lonxe de Marín ou xa foran despezados en data anterior á suposta entrega do tabaco.