Carmela Silva formará parte da permanente da comisión de deputacións da FEMP
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, formará parte da nova Permanente da Comisión de Deputacións da FEMP, constituída este luns en Barcelona no seo da Comisión de Deputacións, Consellos e Cabildos Insulares da Federación Española de Municipios y Provincias, formada polos 49 presidentes e presidentas de toda España.
A Permanente está integrada por 14 membros e ten como obxectivo impulsar políticas de reforzo da autonomía local dende este órgano reducido de traballo e asesoramento interno.
O primeiro acordo adoptado pola Comisión de Deputacións da FEMP foi a aprobación dun ambicioso Plan de Traballo no que quedaron integradas sete das propostas realizadas dende a Deputación.
A administración provincial pontevedresa lidera a achega de propostas ao Plan de Traballo para loitar por un financiamento local con criterios obxectivos antes do 2025, aclarar as competencias sobre emerxencias, afrontar o reto demográfico e coordinar a loita a prol da Igualdade.