Malestar no goberno local pola negativa de Patrimonio da Xunta a que se asfalte o camiño de acceso á Igrexa de Alba
Por Redacción
Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal, mostraba o seu malestar este luns coa decisión de Patrimonio da Xunta de impedir o pavimento previsto polo Concello de Pontevedra na vía que une Ponte Cabras con Touceda, na parroquia de Alba.
Tratábase dunha mellora da seguridade viaria, demandada polos veciños. Os técnicos municipais entendían que a mellor opción era asfaltar ese tramo para facilitar a chegada de autobuses á Igrexa de Alba. Patrimonio, en cambio, emitiu un informe desfavorable ao entender que este espazo forma parte do Camiño de Santiago e nestas contornas non se permite o asfaltado.
Por este motivo, a Xunta de Goberno de Pontevedra decidía resolver o contrato para realizar estes traballos. Anabel Gulías afirmaba que entendía o celo por parte dos organismos da Xunta pero sinala que neste caso concreto non se adecúa á realidade de Galicia. Lembrou que se mantiveron diversas reunións entre os técnicos das dúas administracións para tentar chegar a un acordo, pero sen éxito.