Buscan un home que atracou un banco de Campo Lameiro coa cara tapada e sen armas visibles
Por Natalia Puga
A Garda Civil estableceu un dispositivo de procura para localizar un home que atracou unha sucursal bancaria de Campo Lameiro na mañá deste mércores coa cara tapada e, tras levar o botín nunha bolsa, saíu fuxindo a pé.
Todo ocorreu nunha sucursal bancaria de Abanca situada na rúa Bernardo Sagasta de Campo Lameiro. De momento, a investigación segue en marcha, pero a Garda Civil si confirmou que os feitos, que cualifican como un roubo con intimidación, ocorreron sobre as 9.18 horas deste mércores.
O home entrou na sucursal coa cara tapada e unha carapucha e, sen mediar palabra, arroxou un bolso á caixeira que estaba na oficina e indicoulle, con xestos, que metese alí todo o diñeiro.
Segundo fontes policiais, non tiña ningunha arma visible, pero descoñécese se ía armado. Si se confirmou que non falou en ningún momento, senón que se comunicou por xestos.
No momento do roubo, non había na oficina bancaria ningún cliente e estaba no interior tan só a caixeira que, despois de que o ladrón fuxise, alertou ás Forzas de Seguridade.
A Garda Civil estableceu un operativo de procura pola zona para localizar ao ladrón e mantén aberta unha investigación para esclarecer o ocorrido e determinar a cantidade de diñeiro subtraída. Diversas fontes consultadas indicaron que poderían ser uns 3.000 euros, aínda que este extremo non foi confirmado de forma oficial pola Garda Civil.