Nova regulación dos produtos artesanais alimentarios e impulso á marca Galicia Calidade
Por Redacción
Galicia é a terceira comunidade autónoma española con máis produtos de calidade certificados. A través das denominacións de orixe protexidas (D.O.P.), as indicacións xeográficas protexidas (I.X.P.) e o indicativo de calidade de agricultura ecolóxica, os produtos galegos están acadando unha alta competitividade no mercado.
Así, veñense de unir esforzos para poñer en valor os produtos agrarios e pesqueiros que se elaboran de xeito tradicional, así como protexer os seus produtores. Este compromiso vén de materializarse nun Decreto polo que se regula a artesanía alimentaria e que entrará en vigor a finais deste verán, un tempo suficiente para que os produtores poidan adaptarse ás normas técnicas.
OS PRODUTOS ARTESÁNS DEBERÁN REXISTRARSE
O novo decreto regula o rexistro da artesanía alimentaria, no que deberán estar inscritas todas as empresas implicadas, e que dependerá da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). A normativa dará garantías ao consumidor de que os produtos son elaborados artesanalmente e respectando a filosofía sostible da Galicia verde.
As normas técnicas contemplarán que os produtos artesáns deben estar elaborados con materias primas seleccionadas e que non se poderán utilizar potenciadores de sabor, colorantes ou saborizantes artificiais. Tampouco se poderán empregar graxas trans (hidroxenadas artificialmente) ou procedentes da palma ou do coco. A utilización como materia prima de produtos semielaborados queda limitada a casos excepcionais xustificados na norma técnica correspondente. Por outra banda, admitirase o uso de medios mecánicos para determinadas fases do proceso de elaboración, respectando o indicado na norma técnica que corresponda. E para garantir a intervención persoal do artesán no proceso, o decreto tamén establece que non se admitirán reetiquetaxes nin razóns sociais de intervenientes no circuíto comercial que non sexan as da empresa artesanal responsable do produto.
OS PRODUTOS CASEIROS TAMÉN CONTAN
Ademais da denominación xenérica "Artesanía Alimentaria", o decreto establece outras dúas identificacións que distinguirán dous tipos de produtos artesanais específicos: unha para os produtos caseiros ou da casa e outra para os que se elaboran na montaña. Os primeiros serán os que utilicen como base fundamental as materias primas procedentes dunha explotación agraria ligada á empresa artesanal responsable do produto. Mentres que os produtos artesáns de montaña serán os elaborados por empresas artesanais alimentarias radicadas en zonas cualificadas como "de montaña", de acordo co que establece a normativa da Unión Europea.
APOIO Á MARCA GALICIA CALIDADE
Durante este ano 2020 tamén se reforzará a competitividade do sector agroalimentario galego a través da marca Galicia Calidade. Neste selo englobaranse os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación, como poden ser os produtos de razas autóctonas ou o leite amparado coa marca de garantía Galega 100%.
O obxectivo para os próximos meses é dar a coñecer este novo impulso, mediante un plan de acción que contempla a promoción e o posicionamento dos produtos e a axuda a todos os produtores e transformadores agroalimentarios; así como un plan estratéxico dirixido a prescritores nacionais e internacionais con accións específicas en Galicia e no mercado exterior, a través de feiras de prestixio no sector.
Todos os produtos galegos amparados polos selos de calidade pódense consultar na páxina web da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.