Desarticulado un punto de venda de drogas nunha vivenda deshabitada no Grove
Por Redacción
Tres detidos e catro investigados, veciños do Grove e Sanxenxo, que oscilan entre os 30 e 46 anos de idade e con antecedentes policiais, é o balance definitivo dunha operación bautizada co nome de "Hortarrio", desenvolta contra o tráfico de drogas a media escala, que viña desenvolvendo desde mediados do ano pasado nunha rúa céntrica da localidade do Grove.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, os axentes tiveron coñecemento da utilización dun piso deshabitado como punto de venda de estupefacientes e que creaba un ambiente de inseguridade entre os veciños do lugar, que non eran alleos á presenza de toxicómanos de forma continuada.
O dispositivo de vixilancia establecido pola Garda Civil foi determinante para realizar unha entrada e rexistro no inmoble, que se levou a cabo o mes de novembro do ano pasado, e proceder á detención inicial de dous dos supostos vendedores, aos que se lle interviñeron diversas cantidades de substancias dispostas para a venda, unha pistola simulada, cadernos con anotacións, básculas de precisión, computadores e teléfonos móbiles xunto con diñeiro en efectivo.
A operación concluíu coa detención doutra persoa e tres investigados máis, estreitamente relacionados coa venda e distribución de estupefacientes que se estaba levando a cabo neste inmoble. En total incautáronse algo máis de 1.600 dose de cocaína, heroína e haxix, ademais de 630 euros en efectivo.
No marco da mesma operación descubriuse que os principais responsables deste grupo estaban a utilizar no inmoble unha conexión fraudulenta coa rede eléctrica, sen ningunha autorización nin aparello que controlase o consumo, o que supuxo unha defraudación estimativa que podería superar os 2.500 euros.
As dilixencias instruídas por senllos delitos contra a saúde pública e defraudación do fluído eléctrico foron entregadas no xulgado de instrución de garda de Cambados, onde deberán comparecer os implicados cando sexan citados para iso.
Relacionadas:
-
Detido un mozo de Bueu por traficar con droga durante o entroido de Cangas
Por Redacción |
-
Cae unha rede liderada por un veciño da Illa de Arousa que distribuía heroína usando coches 'caleteados'
Por Redacción |
-
Un pai e o seu fillo, detidos en Poio por cultivar marihuana na casa e vendela a terceiros
Por Redacción |