Cerdedo-Cotobade ensancha o núcleo histórico-tradicional de Arresmouro
Por Redacción
O núcleo histórico-tradicional de Arresmouro, un dos máis antigos de Cerdedo-Cotobade, está a cambiar a súa fisonomía cunha completa actuación que inclúe o ensanche do seus estreitos camiños, configurados hai moitas décadas.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, realizou esta mañá unha visita a esta obra, que se atopa moi avanzada e que só está pendente, para o seu remate, da dotación do asfaltado.
A actuación consistiu na limpeza completa da pista, o ensanche da plataforma da calzada, o derrubo e reposición dos muros das veigas anexas en pedra do país para manter o seu carácter tradicional, a dotación dunha base de áridos e terra para favorecer a compactación da capa de rodadura e a nivelación das caixas de rexistro.
Este investimento, que conta cun orzamento de 37.000 euros, foi moi valorado polo rexedor, que cre que mellora moito as condicións de mobilidade deste lugar, próximo á carballeira do San Xusto, ao conseguir o ensanche das súas estreitas pistas grazas ás xestións emprendidas para acadar satisfactoriamente a cesión dos terreos necesarios por parte dos afectados.
A obra, engadiu Cubela, permitiu ademais non perder o valor histórico e tradicional da aldea, posto que os seus característicos muros de pedra respectáronse para manter a identidade propia de Arresmouro.