Habilitan unha gran área de recreo ao carón do parque infantil de Xesta
Por Redacción
A parroquia de Xesta, na Lama, conta a partir de agora cunha ampla área de recreo e esparexemento que está concibida para servir como punto de encontro veciñal. É unha das actuacións incluídas no Plan Hurbe da Xunta de Galicia.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou este venres a zona na que se levou a cabo a actuación, froito da colaboración entre a Xunta e o Concello.
Os traballos realizados consistiron na execución no Lugar de Abaixo dun novo parque biosaudable cunha ampla zona de recreo, localizado xusto ao carón do parque infantil que xa existía nesta parroquia.
A actuación, rematada a finais do pasado mes de decembro, tivo un investimento total de case 55.000 euros, dos que o goberno galego achegou o 70% e o Concello o 30% restante.
Esta nova zona de recreo e ocio ocupa unha superficie de máis de 1.100 metros cadrados e está dotada dunha ampla gama de xogos biosaudables para adultos, mesas e bancos fixos, unha pérgola, unha fonte e unha zona de grellas con asador.
Así mesmo, tamén se realizaron traballos de urbanización no viario de acceso, a execución de beirarrúas e o acondicionamento na contorna dun aparcadoiro adaptado ás novas necesidades previstas na zona.
Ángeles Vázquez incidiu na importancia que terá este obra para dinamizar e mellorar a calidade de vida no concello e en concreto no núcleo de Xesta, unha das zonas máis dinámicas sobre todo durante o verán, cando experimenta un notable incremento de habitantes pola chegada de veciños e familiares procedentes da emigración.