A maxistrada Mª Paz Filgueira analiza os riscos penais nos procesos de ruptura nunha charla sobre igualdade
Por Redacción
O Concello de Bueu, a través da concellería de igualdade, organiza para o martes 28 de xaneiro unha xornada técnica baixo o título 'Aspectos relevantes derivados dos procesos de ruptura. Valoración do risco penal. Especial referencia aos menores'.
Esta conferencia será impartida por Mª Paz Filgueira Paz, maxistrada do Xulgado de primeira Instancia de Vigo con funcións de familia e desenvolverase ás 10.30 horas na Biblioteca Municipal Torrente Ballester dirixida sobre todo a profesionais relacionados con actividades de igualdade.
Desde a concellería pretenden continuar formando para loitar contra a violencia machista. A maxistrada relatora xa participara en setembro de 2019 noutra charla destinada a corpos de seguridade e axentes para que contasen con datos actualizados de tipos penais, medidas de protección e valoración do risco en casos de violencia contra as mulleres.