Nova sinalización dos lavadoiros de Marín cun investimento de máis de 13.500 euros
Por Redacción
O Concello de Marín sinalizará 45 lavadoiros para potenciar o valor turístico e patrimonial destes espazos que se destinaban tradicionalmente ao lavado de pezas no municipio.
Segundo indican desde o goberno local, as novas tecnoloxías provocaron que estes espazos funcionais convertéronse en pezas de valor patrimonial con, nalgúns casos, máis dun século de existencia.
Calcúlase que en todo o municipio hai 60 lavadoiros. Desde o goberno de María Ramallo se quere facilitar á cidadanía e aos turistas a localización destes lugares.
Os traballos previstos centraranse na sinalización de accesos e do topónimo onde se sitúan os lavadoiros. Empregaranse materiais, como madeira, que se integren na contorna. Para esta intervención destinarase un orzamento que ascende a 13.615 euros, a través dunha subvención ofertada pola Deputación de Pontevedra.
Os lavadoiros que se sinalizarán son os seguintes: de Pedreiras, de Mogor, de Redón, de San Pedro, da Finca de Briz, de O Souto ou Sequelo, de Carregal, de Bravos, de Outeiro, de Bagüín ou do Cañoto, de Bagüín II, de Outeiro, da Fonte do Castiñeiro, de Cidrás, da Moreira, de Arravalde, de Pedra Cuíña, de Puntiña, de Igrexario (San Xián), da Grela, de Aguete, de Loira, do Gorgullón, de Pardavila-Fixón, de Bexa-Soaxe, de Xermade, de Falcón, de Casal en Fixón, do Pozo do Río, de Cruxeiras, de Magáns, de Chic ou Río de Casás, do Cura, de Picotes, de Allariz, de Preguntas, do Pozo, da Esperela, de Pesqueiras, de Pesqueiras II, de Cadrelo, do Pereiro, de Lameiro, de Sarax, de Cabodevila e de Pastoriza.
O goberno marinense desenvolveu diversos proxectos durante os últimos anos para manter e limpar estes lavadoiros, co obxectivo de potenciar o valor patrimonial destas construcións de pedra.