Ponte Caldelas pide a colaboración da Xunta para urbanizar a estrada de Vilarchán
Por Redacción
Nun estado "pésimo" de conservación. Así lle transferiu a Xunta, segundo o Concello de Ponte Caldelas, a titularidade da estrada PO-108 en Vilarchán. Por iso, agora o goberno municipal solicita a colaboración do executivo galego para poder urbanizar esta vía.
O alcalde, Andrés Díaz, remitiu unha carta á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para solicitar a colaboración da Xunta de Galicia para esta reforma.
Fíxoo despois de coñecer que a consellería destinará 800.000 a humanizar preto dun quilómetro dun antigo tramo da estrada N-541, que a xuízo de Díaz, ten "moitas similitudes" coa estrada de Vilarchán.
Vilarchán, recorda o alcalde, é un dos lugares máis poboados do concello e "con máis posibilidades de expansión", sendo a estrada que circula polo seu interior empregada a diario tamén polos veciños dos lugares de Contixe e Mirón.
Xa o pasado mes de abril, o propio Concello asumiu un bacheado de urxencia nesta estrada logo de múltiples peticións veciñais dado o mal estado de conservación no que se atopaba.
"É primordial humanizar unha das zonas de maior valor do municipio, mellorando o firme e dotándoo de medidas de seguridade para os peóns", indica o alcalde na carta á conselleira, á que invita a comprobar in situ a situación na que se atopa esta estrada.
O Concello de Ponte Caldelas comprométese ademais a financiar parte da obra, como se vai facer coa N-541 en Cerdedo-Cotobade, e pide ser "tratado por igual" e recibir os fondos da Xunta "de xeito equitativo" e non en función da cor política do "goberno de turno".