A Garda Civil alerta de roubos a persoas maiores na rúa nas zonas máis turísticas
Por Redacción
A Garda Civil de Pontevedra alerta aos cidadáns de toda a provincia, pero en especial, ás persoas maiores que residen nos municipios máis turísticos, da posibilidade de ser vítimas de engano e roubos na vía pública.
A alerta realízase porque nas últimas datas se veñen producindo ao longo de provincia certo número de furtos ao descoido a persoas maiores, aos que se lle reclama a súa atención coa solicitude de sinaturas para colaborar con obras sociais.
Segundo advirten dende a Comandancia de Ponteevedra, os autores destes feitos adoitan ser, polo xeral, mulleres estranxeiras que abordan transeúntes na vía pública. Tras solicitarlle que asinen un documento para colaborar na construción de centros para persoas xordomudas ou con discapacidade, piden o DNI para anotar o número e aproveitando un descoido, ou ao despedirse agradecendo a firma, cun abrazo subtraen a carteira, reloxo ou cadeas que portan as vítimas.
Noutras ocasións, dúas mulleres estranxeiras ben vestidas e con boa presenza, abordan persoas maiores preguntándolle algún lugar de interese, igrexas, monumentos ou sitios de turísticos e tras recibir as indicacións requiridas comezan a abrazala e darlle bicos, xerándolle algo de confusión, para roubar cadeas ou reloxos das vítimas.
Este tipo de feitos danse con máis frecuencia en zonas turísticas, e en épocas de verán. A Garda Civil recomenda estar alerta ante este tipo de feitos e no caso de presenciar algún feito destas características comuníqueno ao teléfono 062.