Os socialistas de Sanxenxo demandan melloras nos accesos ao colexio da Florida
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Socialista no Concello de Sanxenxo fixose eco das reclamacións da comunidade educativa do CEIP A Florida que reclama a pavimentación dun camiño peonil, a tala de árbores nas inmediacións do colexio e a humanización da rúa Ricardo Santos.
Os socialistas lembran que estás son xa "demandas históricas" e que existe un proxecto para converter algunhas das parcelas de monte lindantes ao centro nunha zona de aparcamento que permita o acceso ao colexio pola rúa Miraflores.
A voceira do PSOE de Sanxenxo, Ainhoa Fervenza, sinalou que o mal estado da rúa Ricardo Santos, empregada para chegar ao centro en coche, é outra das queixas dos pais. A rúa non ten beirarrúas ni beiravías o que supón que as familias que transitan a pé teñen que facelo pola estrada, poñendo en perigo a súa integridade física.
Outra reivindicación pasa polo mantemento das parcelas de monte que rodean ó CEIP A Florida e os seus camiños de acceso. "As parcelas das inmediacións do edificio de infantil teñen masas forestais que incumpren a distancia mínima establecida na lexislación vixente", afirma a voceira socialista.
O PSOE de Sanxenxo rógalle ao Concello que humanice a rúa Ricardo Santos, dende o seu inicio ata o cruce coa EP-9203, dotándoa de beirarrúas, aparcamentos regulados e iluminación suficiente. E suxiren a pavimentación do sendeiro que conecta o barrio de Miraflores coa entrada ao CEIP A Florida e o mantemento das fincas que rodean ao centro e os seus accesos.