A monitora dun bus escolar en Cuntis colle o volante e logra evitar un accidente ao desmaiarse o condutor
Por Anxo Lourido
Un acto reflexo e unha habilidade extraordinaria nunha situación de urxencia evitou un grave accidente na mañá deste martes no municipio de Cuntis. Ás 08.45, o condutor do autobús escolar, como todas as mañás, realizaba a rolda de recollida de menores para trasladalos ao colexio Don Aurelio.
Na primeira parada, en Loureiro de Arriba, subían dous nenos, que xunto á acompañante de transporte escolar circulaban pola estrada con normalidade coa intención de chegar a Loureiro de Abaixo para recoller a máis menores. Nese momento, o condutor, por causas aínda por esclarecer, desvaneceuse e perdeu o control do vehículo, quedando completamente inconsciente.
Por sorte e cuns reflexos extraordinarios, segundo relatan os responsables do servizo de Protección Civil de Cuntis, a monitora acompañante reaccionou e agarrou o volante desviando o autobús, que circulaba a escasa velocidade, ata unha leira onde logrou frealo.
Segundo explican os servizos de Emerxencias trátase dunha zona chaira pero situada a poucos metros dun tramo de barranco. Ningún dos ocupantes do vehículo sufriu danos á marxe do susto. Os pais dos nenos acudiron ata o lugar para recollelos e o condutor foi trasladado ao centro de saúde da Estrada para a súa exploración, xa que ao recuperar a consciencia era incapaz de saber que lle sucedera.
Axentes da Garda Civil de Tráfico, efectivos de Protección e a Policía Local de Cuntis trasladáronse ata o lugar alertados polo servizo de Emerxencias do 112 Galicia.