Cada pontevedrés gastará unha media de 65 euros nas rebaixas
Por Oskar Viéitez
A media de gasto por persoa sitúase ao redor dos 65 euros na comarca de Pontevedra, cun lixeiro aumento respecto ao ano anterior das rebaixas de inverno de 2019, segundo a enquisa realizada pola Federación provincial de Comercio.
O 42% dos artigos que se compran en rebaixas pertencen ao sector téxtil, seguido do calzado nun 27%.
No municipio de Pontevedra o gasto estimado nas rebaixas é de 8,2 millóns de euros.
É na cidade do Lérez onde máis aumenta a porcentaxe de gasto medio por persoa nas rebaixas de inverno, cun gasto medio estimado de case 100 euros por habitante.
A Federación provincial cre que o motivo é que este ano as rebaixas comezaron no mes de novembro como consecuencia de que os grandes centros comerciais tiveron durante varios días o Black Friday, o que "obrigou ao comercio tradicional a adiantar as rebaixas".
RECUPERACIÓN
A valoración que fai esta patronal das vendas no comercio ata finais de decembro, é que "o comercio recuperou preto do 25% que perdera nestes últimos anos coa crise".
Apuntan que "o comercio en xeral está satisfeito", aínda que as vendas foron "á conta de estar a ofertar e rebaixando durante case os 12 meses do ano".
Outro factor que destacan desde esta Federación é que "a competencia é cada día maior e os comerciantes ten que poñerse á altura dos descontos que fagan outros", especialmente o grandes centro comerciais e o comercio online, "e como é lóxico, isto beneficia ao consumidor, que compra a pesar de ter poucos ingresos, grazas á gran cantidade de ofertas existentes".
Segundo datos da Federación provincial, a provincia de Pontevedra ten un censo de comercio de 12.150, máis os centros comerciais e os hipermercados. Destes, 6.100 comercios están situados no municipio de Vigo e no Pontevedra hai 1.200 comercios, en Vilagarcía son 650 comercios.
Desta cifra de 12.150 comercios, participan nas rebaixas aproximadamente o 85%.