Parques infantís accesibles e sensoriais, reclamación do PP local
Por Redacción
Pepa Pardo, concelleira do Partido Popular de Pontevedra, levará ao próximo pleno municipal a petición de mellora na accesibilidade dos parques infantís de Pontevedra e convertelos en plenamente sensoriais empregando o sistema Braille.
A concelleira reclama unha accesibilidade universal a estes espazos de xogo, de maneira que permitan unha inclusión e integración ao 100% de todos os menores. Sinala que, tras manter encontros con distintas asociacións e visitar a totalidade dos parques de Pontevedra, é necesario incorporar o sistema Braille con paneis informativos e identificativos dos distintos bambáns.
Segundo sinala non existe un só parque de Pontevedra con este sistema que facilite a participación de menores con dificultades visuais. Ademais entende que se deben empregar cores, texturas e contrastes para diferenciar espazos e que, desta forma, localicen os xogos.
A representante do PP afirma que tampouco existe unha soa randeeira balancín para menores que se movan en cadeira de rodas. Segundo recolle Pepa Pardo tras manter xuntanzas con nais e pais con fillos con mobilidade reducida resulta dificultoso ter que cargar co peso dos menores para poder subilos aos actuais bambáns cesta que non se atopan adaptados.