O PSOE critica o mal estado do Mercado de Portonovo
Por Oskar Viéitez
A portavoz do grupo municipal do Partido Socialista no Concello de Sanxenxo, Ainhoa Fervenza fíxose eco das queixas das praceiras do mercado de abastos de Portonovo polo "desinterese" do Goberno local polas instalacións onde realizan o seu traballo.
Ainhoa Fervenza lembra que a praza de abastos é de titularidade municipal, e sinalou que é responsabilidade do concelleiro competente, Marcos Guisasola, "o manter en boas condicións e velar polo cumprimento das normas que se lle esixen ás persoas concesionarias", explicou a socialista.
O mal estado no que se atopan desde hai anos as citadas instalacións fixo que, despois dos últimos meses de choivas, aparecesen importantes humidades e pingueiras que, segundo trasladáronlle "agora xa son un perigo" para as persoas que traballan alí e para a xente que vai comprar.
"A realidade é que esta xente ten que traballar con pingueiras e humidades, por non mencionar o estado dos servizos, que ademais de ser do século pasado non están habilitados para persoas con mobilidade reducida", denunciou a líder socialista.
Fervenza lembra ao concelleiro responsable do mercado que entre as súas responsabilidades está o control do tempo mínimo de ocupación de cada posto, a aplicación de normas de seguridade e hixiene, o cumprimento das obrigas fiscais, a supervisión da extensión de mesado utilizada, entre outras, por tanto "que o Concello xa non estea pendente destes temas ten como consecuencia directa o caos e a baixada da calidade, que seguramente desembocarán nunha morte lenta e agónica deste espazo que noutros tempos foi o corazón da vila", lamentou a edil do PSOE.