A coleccionista de traxes tradicionais Piluca Montenegro falece aos 83 anos
Por Redacción
Hai sesenta anos, María del Pilar Montenegro Vázquez, coñecida como Piluca Montenegro, comezaba a recuperar traxes tradicionais, que cos anos foron dando lugar a unha colección ampla e variada.
Así se refería o Museo do Pobo Galego ao traballo exercido pola pontevedresa durante máis de medio século na exposición 'Estopa e pano sedán', que durante dous meses se puido visitar no ano 2010 na sede desta institución en Santiago de Compostela coas roupaxes e as pezas recuperadas por esta muller pertencente a unha coñecida familia da cidade.
Este sábado falecía á idade de 83 anos e o seu funeral desenvolverase este martes 7 ás 17.30 horas na igrexa de San Bartolomeu. O seu corpo vélase no Tanatorio de San Mauro.
Unha das súas últimas aparicións públicas foi con motivo da exposición de Novos Valores da Deputación de Pontevedra no ano 2018 no Sexto Edificio do Museo. Naquel momento xa presentaba dificultades para camiñar e desprazábase nun vehículo motorizado, pero seguía amosando o seu extraordinario carisma e o seu interese intelectual.