Cortan o tráfico durante media hora debido ao incendio dun contenedor en Cobián Roffignac
Por Redacción
Os bombeiros do Parque de Pontevedra tiveron que acudir ao redor das 13.40 horas deste martes 31 de decembro á altura do edificio número 4 da rúa Cobián Roffignac ante o lume que se iniciaba nun contedor de lixo.
Un particular alertaba ao 112 da presenza de lume e ata o lugar trasladábanse tanto axentes da Policía Local como os bombeiros, que lograban sufocar o incendio con rapidez. A presenza dunha cabicha mal apagada establécese como a causa posible do inicio das lapas que xeraron bastante fume na céntrica rúa.
Foi necesario cortar durante preto de media hora o tráfico no primeiro tramo ata a rúa do Rouco para que os bombeiros puidesen levar a cabo a extinción das chamas. Previamente acudiran a limpar unha vertedura de gasoil na rúa Álvaro Cunqueiro. Utilizaron material absorbente para eliminar o combustible que, segundo as primeiras investigacións, procedía dun camión de transporte de gasoil para dar servizo a un inmoble.