Ponte Caldelas, satisfeita polos datos de poboación do INE
Por Redacción
Os datos de poboación feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) deixaron satisfeito ao Concello de Ponte Caldelas.
É así porque o municipio conseguiu deter polo menos en 2019 a perda de poboación xeneralizada na maioría de zonas rurais de interior.
Ponte Caldelas iniciou 2019 con 5.494 habitantes, tres máis que no inicio de 2018.
"Ofrecer emprego no Polígono da Reigosa e dinamizar o concello con actividades culturais, deportivas, festas e outros eventos supoñen un investimento que fai crecer Ponte Caldelas, a pesar de ter máis do dobre de falecementos que de nacementos, unha tónica xeral en toda Galicia", sinalan desde o goberno local.
Segundo as estatísticas, Ponte Caldelas pasou nos últimos anos de contar con case 7.000 habitantes en 1996 a correr risco de baixar de 5.000 en 2014. Con todo en 2015 cando se conseguiu estabilizar un padrón que, desde entón, xira ao redor dos 5.500 habitantes.