Os arquitectos abordan co goberno de Sanxenxo a trazabilidade das licenzas
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín e a concelleira de urbanismo, María Deza reuníronse este mércores coa nova xunta directiva do Colexio de Arquitectos de Pontevedra representada por Anselmo Villanueva (presidente) Maria Pierres (secretaria) e Carlos Berride (tesoureiro).
Entre outros asuntos durante este encontro falouse da trazabilidade das licenzas, coas que a través da sede electrónica un veciño poderá coñecer en todo momento en que punto atópase o seu expediente. E das licenzas dixitais que evita o uso de gran cantidade de papel e mellora a comunicación entre as diversas administracións.
O goberno e a nova xunta directiva acordaron colaborar na convocatoria do concurso de ideas do novo mercado de Sanxenxo e as naves de servizos municipais do parque empresarial de Nantes.
Doutra banda, a concellería de planificación urbanística traballa para definir no primeiro trimestre de 2020 as únicas modificacións puntuais do PXOM neste mandato, por exemplo, a do centro urbano de Vilalonga. Desde o Colexio mostráronse dispostos a colaborar nestas melloras.
Tamén se abordou a posibilidade de asinar un convenio para que os arquitectos recentemente licenciados poidan desenvolver as súas prácticas de final de carreira no Concello de Sanxenxo.
O goberno valora moi positivamente a reunión porque en palabras do alcalde "temos ideas coincidentes e proxectos nos que podemos colaborar e aproveitar a experiencia do Colexio de Arquitectos de Pontevedra".