O PP explica á asociación O Mirador o "baleiro administrativo da área humanizada en Monteporreiro"
Por Redacción
O voceiro do PP explicou persoalmente ao novo presidente da asociación O Mirador de Monte Porreiro, Carlos Diéguez, a problemática derivada do silencio do Concello con respecto á carta remitida ao alcalde hai máis de dous meses pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, desde a Delegación da Xunta en Pontevedra, na que se lle comunicaba oficialmente o remate das obras de humanización executadas en Monte Porreiro.
Jacobo Moreira, que estivo acompañado polos concelleiros María José Rodríguez, Miguel Meijón e César Abal, trasladou ao seu interlocutor a completa disposición do Partido Popular a seguir colaborando para dar resposta ás necesidades da urbanización.
E neste sentido explicou que nada máis ter constancia dos temores veciñais en relación co mantemento das zonas axardinadas situadas na área humanizada, fixo as necesarias xestións e descubriu a misiva na que se indicaba que o proxecto inicial fora modificado de acordo co Concello e se solicitaba o inicio dos trámites oportunos para cederlle tanto as actuacións realizadas como os terreos obxecto das mesmas. O retraso municipal á hora de contestar esta carta levou ao voceiro popular a sospeitar que o Goberno Local "estea intentando desentenderse das súas responsabilidades".
O encontro con Diéguez serviu tamén a Moreira para coñecer os plans máis inmediatos da asociación O Mirador e ofrecer a súa cooperación para facilitar dentro das súas posibilidades calquera xestión ante as distintas administracións.