CC.OO. concéntrase ás portas da Deputación para pedir á presidenta "que non pregoe, que practique a igualdade"
Por Redacción
Un grupo de traballadores da Deputación Provincial de Pontevedra concentrouse este martes ás portas do Pazo Provincial con motivo da celebración do Pleno da Corporación no que se realizou a aprobación inicial dos orzamentos provinciais para manifestar que están "totalmente en contra" das decisións do equipo de goberno durante os últimos anos e criticar que todas as reivindicacións do persoal, mesmo os acordos da mesa de negociación, "non se poñen en práctica".
A concentración convocárona desde CC.OO. O secretario comarcal deste sindicato e presidente do comité de empresa da Deputación, José Ramón Piñeiro, centrou as súas críticas na presidenta, Carmela Silva, da que asegura que "quere ser o referente da igualdade en Galicia, sin embargo, neste presuposto maniféstase xusto o contrario".
Así, na opinión deste sindicato, o orzamento anual da Deputación supón "unha gran discriminación e desigualdade" entre o conxunto dos traballadores, que, facendo o mesmo traballo, teñen diferenzas salariais moi importantes. "A señora Carmela é a esencia da desigualdade neste presuposto", engade. Nesta mesma liña, Piñeiro pediu á presidenta "que non pregoe, que practique a igualdade".
Ademais, CC.OO. critica que con este orzamento créase unha administración paralela na que se están contratando cargos directivos que son "comisarios políticos que veñen substituír os técnicos da Deputación". Na súa opinión, con esta política rompen a posibilidade da carreira profesional na Deputación con dous obxectivos: "tratar de que siga sendo controlado o PSOE na provincia de Pontevedra polo señor Caballero" (en alusión ao alcalde vigués, Abel Caballero) e "que Vigo sexa o referente en Galicia e en España".
Os traballadores concentrados falan dunha utilización "partidista" da Deputación para fins persoais e de partido e critican decisións do Goberno provincial en relación co centro infantil Príncipe Felipe e o Parque de Maquinaria. En relación con este último, sinalan que "están mentindo descaradamente aos traballadores" porque dixeron que ían facer un parque de maquinaria no polígono de Barro-Meis e a realidade é que no presuposto "non destina nin un euro".
En relación co centro Príncipe Felipe, piden á presidenta que teña "unha mínima sensibilidade", pois os menores usuarios do centro corren o "risco" de padecer enfermidades porque as fiestras non reúnen as condicións e habería que cambialas, hai problemas no tellado que xeran humidade nas paredes, os bambáns están oxidados e a escaleira de incendios "é unha trampa mortal".
CC.OO. presentou alegacións ao orzamento provincial e aseguran que teñen como finalidade facer desaparecer unha desigualdade que detectan a nivel retributivo e de condicións de traballo.
Relacionadas:
-
O pleno da Deputación aproba o orzamento para o próximo ano
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Comisións Obreiras alega contra o orzamento da Deputación por privatizar servizos e discriminar aos traballadores
Por Oskar Viéitez |
-
CC.OO. acusa a Carmela Silva de crear "alarma e incerteza" no persoal do Centro Príncipe Felipe
Por Redacción |