Sanidade investiga a intoxicación alimentaria sufrida por 41 nenos en comedores escolares
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Sanidade investiga a orixe da intoxicación alimentaria leve sufrida por 41 nenos tras inxerir palometa en nove centros escolares de Infantil e Primaria de Pontevedra e Marín con comedores xestionados pola Federación provincial de Anpa de Centros Públicos de Pontevedra (FANPA) e nos que se serviu o mesmo prato e o mesmo lote de produto.
Segundo explicou o presidente da FANPA, Rogelio Carballo, "este luns 28 de outubro detectamos unha incidencia importante no servizo de comedor, relativa á presenza de histaminas no peixe do segundo prato do menú".
Os alumnos que inxeriron este peixe mostraban uns primeiros síntomas como erupcións cutáneas, picor na boca ou malestar estomacal.
A información da que dispón a Fanpa ata o momento e que trasladou nun comunicado oficial é que o peixe "parece ser que estaba contaminado con histaminas, que é a causa da reacción alérxica nalgúns nenos.".
A histamina é unha toxina que se manifesta cando rompe a cadea de frío do peixe.
A empresa de restauración Arume, que presta os servizos de cátering nestes comedores escolares, "activou o seu protocolo cando detectou os primeiros síntomas de alerxia nos rapaces, e suspendeu o servizo do prato".
Rogelio Carballo asegurou que "deuse parte ás autoridades sanitarias para a procedente inspección das mostras gardadas nos comedores e a análise de trazabilidade dos produtos empregados".
A Fanpa, en conversa coa xefa territorial de Sanidade foi informada de que "o procedemento está a seguir o seu curso pero que xa nos pode adiantar que, nin Arume nin o subministrador da palometa, están relacionados cos casos abertos en gardarías e centros da Coruña, Hío e Cangas.".
Pola súa banda a Fanpa encargou a súa propia auditoría ao laboratorio que leva o control de calidade do comedor, Lema & Bandín, para que efectúe as análises de mostras, da trazabilidade e o estudo documental do lote, para poder tomar as medidas procedentes.
En nome da Federación, Rogelio Carballo ofreceu desculpas polas molestias causadas e expresou o seu desexo dunha total recuperación dos nenos afectados, poñéndose ao dispor das familias para calquera cuestión.