Luís Villares, ante a exhumación de Franco: "Debe supoñer un punto e seguido na recuperación da memoria histórica"
Por Natalia Puga
Este xoves 24 de outubro é "un día especial", pero non só por ser a data da exhumación dos restos de Francisco Franco do Valle dos Caídos, senón porque "debe supoñer un punto e seguido na recuperación da memoria histórica". Así o valorou o portavoz de En Marea, Luís Villares, durante unha visita a Pontevedra na que afirmou que este xesto aprobado polo goberno central "francamente, era necesario, pero é insuficiente".
Así, aproveitou a súa presenza en Pontevedra para reivindicar a necesidade de que a memoria democrática restaure a "inxustiza" do asasinato de Alexandre Bóveda" e para reclamar que se anulen inmediatamente todas as condenas xudiciais e políticas do franquismo, empezando por Bóveda, pero incluíndo todas as ditadas durante as catro décadas de Ditadura.
Ademais, chamou a atención sobre o feito de que este xoves realizouse unha exhumación "moi famosa", pero quedan moitas outras pendentes. "Canta xente sen exhumar queda nas cunetas, nas fosas comúns de toda Galicia? Son miles", reflexiona, e pide ao Goberno central que realice a exhumación e a entrega ás súas familias de todas as vítimas da Ditadura "para que poida enterralos con dignidade" e que o faga con cargo a fondos públicos do Estado, como neste caso.
Luís Villares lembrou que "os privilexios e a impunidade do franquismo seguen vixentes" e, como exemplo, citou que en Galicia a familia Franco aínda ten en propiedade o Pazo de Meirás, a Casa Cornide e as estatuas de Abrahan e Isaac, do Mestre Mateo.
Non se esqueceu dos "privilexios da igrexa católica que veñen herdados do franquismo", para os que reclama unha revisión, e da situación de moitos bebés roubados durante a Ditadura, pois moitos están documentados e aínda non puideron acceder a unha investigación completa para recuperar o contacto coas súas familias naturais e outro sno están investigados.
En definitiva, o portavoz de En Marea, que compareceu acompañado pola coordinadora local de Marea Pontevedra, Peque González, cre que o 24 de outubro debe ser un día importante, "pero porque marque un inicio, non porque marque un fin". A memoria democrática de Galicia, igual que a de España, "non pode ser selectiva", senón que ambas as " teñen que ser completas", concluíu.