Un faladoiro sobre 'a vida trans' pechará no Mercado os vermús de Pinto e Maragota
Por Redacción
Un faladoiro sobre 'A vida trans en Pontevedra fóra do armario' pechará a quenda dos vermús pola diversidade que, dentro do ciclo Pinto e Maragota, promove a Concellería de Igualdade.
A mesa redonda celebrarase este sábado 19 de outubro, a partir das 12.30 horas, no novo espazo gastronómico do mercado de abastos e terá como protagonistas á activista LGTBI e avogada especializada en violencia de xénero Ada Otero; e dous menores: Rihanna Currás, unha rapaza trans de 14 anos, e Mat, unha persoa non binaria de 17.
O coloquio, baixo o lema TRANSformando Pontevedra, organizouse grazas á colaboración das asociacións Avante LGTB, Chrysallis e Género Diverso e incluirá unha sesión DJ a cargo do artista Bold G e, como vén sucedendo nas anteriores propostas culturais do programa de Pinto e Maragota, os postos do mercado ofrecerán descontos nos vermús.
A finalidade do faladoiro é a de expoñer as vivencias e dificultades do día a día coas que se atopan as persoas trans e non binarias fóra do armario na cidade, co obxectivo de visibilizar e dignificar a diversidade sexual e concienciar á cidadanía sobre a necesidade de coñecer, achegarse, respectar e empatizar co colectivo LGTBI.
O coloquio co que se pon punto e final aos vermús de Pinto e Maragota coincide ademais coa Manifestación Nacional pola Despatoloxización Trans, convocada en Santiago de Compostela pola Plataforma LGTB+ Galega para este mesmo sábado, o que lle dá un carácter aínda máis reivindicativo a esta actividade.
Relacionadas:
-
O congreso 'A diversidade sexual e de xénero nas aulas' reunirá a 250 persoas en Pontevedra
Por Redacción |
-
O Concello promove unha enquisa en centros educativos para saber se existe LGTBIfobia
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Vermú desenfadado e participativo para reivindicar a cultura drag
Por Redacción |
-
O primeiro vermú pola diversidade sexual somérxese na danza e na música
Por Redacción |
-
Pontevedra impulsa un ciclo de cine e conferencias para visibilizar a diversidade sexual
Por Alejandro Espiño |