Mar Capeáns: "Necesitamos un liderado feminino. Cando damos oportunidades ás mulleres os resultados son espectaculares"
Por Oskar Viéitez
Mar Capeáns, física de partículas no CERN (Consello Europeo para a Investigación da Enerxía Nuclear), presentou este luns o programa 'GIRL STEM: derrubando estereotipos', nun encontro con 250 rapaces do IES de Chapela, o CPI Toural de Vilaboa, o IES Plurilingüe Anton Losada Diéguez da Estrada, e os IES A Xunqueira I e II. Nesta sesión achegou datos e razóns que explican por que a presenza das mulleres é máis reducida ca dos homes nos estudos e profesións científicas e tecnolóxicas.
Durante o encontro, impulsado pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Amtega da Xunta de Galicia, Mar Capeáns asegurou que "necesitamos construír un liderado feminino porque as mulleres podemos achegar á ciencia a nosa visión e o noso xeito de facer as cousas".
Só un 20% das persoas que traballan no CERN son mulleres, unha porcentaxe moi similar á que atopamos no resto de institucións científicas e universidades arredor dos ámbitos científicos e tecnolóxicos.
Neste sentido manifestou que "cando investimos en mulleres e lles damos oportunidades, os resultados son espectaculares, así que temos que ser xenerosas e inspiradoras para que outras se acheguen a estas profesións".
Acerca do traballo que ela desenvolve no CERN explicou que "só un 40% do que fago é ciencia, o resto é coordinar persoas, motivalas, atender as súas necesidades, deixar que desenvolvan as súas ideas e potencialidades e combinalo todo par alcanzar un reto científico" e engadiu que "isto non é un traballo de homes ou de mulleres, pero en todo caso os valores femininos poden ser moi valiosos neste campo".
Mar Capeáns concluíu afirmando que "a ciencia e a tecnoloxía serven para o progreso da humanidade e é moi importante que as mulleres formemos parte dese avance. Canta máis ciencia mellor, cantas máis mulleres na ciencia, mellor".