O BNG propón que os lodos da dragaxe do Lérez se traten en terra
Por Redacción
O BNG propón a Portos de Galicia que os lodos retirados durante a futura dragaxe do río Lérez en Pontevedra reciban un tratamento en terra.
O deputado do BNG Luís Bará quere que o goberno da Xunta de Galicia explique as medidas adoptadas para cumprir o acordo adoptado no Parlamento de Galicia o mes de xuño de 2019 para elaborar unha proposta alternativa e sustentable para o depósito de materiais procedentes da dragaxe do río Lérez, de tal forma que se garanta que estes non afectarán a ningunha das rías galegas.
En concreto, rexistrou unha proposición non de lei e unha batería de preguntas parlamentarias para pedir estas explicacións e preguntar á Xunta se avaliou a posibilidade de darlle unha solución diferenciada aos materiais areosos, susceptibles de ser utilizados para a rexeneración doutras zonas da ría, e aos lodos que poidan conter elementos contaminantes ou prexudiciais para o medio mariño.
Con respecto a estes últimos, considera que a opción máis razoable é a xa citada, que se retiren e se traten en terra nunha planta de tratamento deste tipo de residuos. A este respecto, consideran que Portos de Galicia debe dialogar co Concello de Pontevedra para estudar a loxística desta operación e a súa incidencia no tráfico da cidade
A Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia, iniciou en 2011 a tramitación dun proxecto para a dragaxe e rexeneración da bancos marisqueiros no río Lérez e no fondo da ría de Pontevedra, nun treito de aproximadamente 4,3 quilómetros entre o Club Naval e Os Praceres, no que está previsto retirar aproximadamente 330.000 toneladas de lodos e outros sedimentos.
O custo estimado do proxecto é de 3 millóns de euros e, despois de case nove anos de tramitación, desde o BNG indican que o proxecto aínda non se fixo realidade. Diante da "parálise" do proxecto e do incumprimento do acordo parlamentario, presentaron estas iniciativas.
Relacionadas:
-
O Parlamento insta á Xunta a tratar en terra os lodos da dragaxe do Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
Tratar en terra os lodos máis tóxicos, solución para a dragaxe do Lérez?
Por Alejandro Espiño |
-
Bará: "Praceres non pode ser o funil polo que pase a merda de catro concellos"
Por Alejandro Espiño |
-
A voltas cos lodos previstos na dragaxe do Lérez
Por Redacción |
-
Alfonso Rueda insiste en que a dragaxe do Lérez vai facerse con todas as garantías ambientais
Por Redacción |