Reforzan os 'zafarranchos' de limpeza nos barrios ata final de ano
Por Redacción
A rúa Conde Bugallal está a ser nas últimas horas o escenario do primeiro 'zafarrancho' de limpeza que programou o goberno municipal, que anunciou que estes dispositivos se desenvolverán en distintos puntos da cidade, especialmente nos barrios, ata final de ano.
Estas limpezas en profundidade están pensadas como reforzos das limpezas habituais para ter o espazo público en boas condicións de uso.
Neste último trimestre están previstos dispositivos de limpeza en distintos puntos de Beiramar como na Avenida de Bos Aires, Manuel del Palacio, Rúa do Cruceiro, Almirante Matos, Pedro Mariño de Lobeira ou Fonte do Corvo.
Tamén está previsto actuar no barrio da Seca e en Francisco Añón. Outros puntos de limpezas xerais serán o Camiño de Santiago ao seu paso pola rúa Santiña e Carballedo, ou no Castañal na rúa Ángel Amor Ruibal.
Os máis inmediatos serán no ámbito da avenida de Vigo, nas rúas Luís Seoane e Bibiano Osorio Fernández Tafall, nas que se actuará os días 4 e 11 de outubro respectivamente. Faranse rozas, baldeos e outros traballos.
As limpezas faranse con máquinas de varrer e limpadoras de auga a presión tanto na beirarrúa como na beiravía e na calzada, polo que o Concello solicita a colaboración de todos os veciños e tamén dos condutores para garantir un bo resultado.