O CEIP Campolongo estreará o próximo curso un comedor máis amplo e un novo salón de actos
Por Alejandro Espiño
15.000 euros. Son os cartos que a Xunta de Galicia está a investir no CEIP Campolongo e que servirán, entre outras cousas, para trasladar o comedor do centro ao edificio principal, unha antiga demanda desta comunidade educativa. Así o destacou este xoves o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, que visitou as obras xunto co concelleiro de Educación, Agustín Fernández.
As obras puxéronse en marcha hai uns días neste centro de Primaria. Está previsto que os traballos se executen durante os meses estivais para que poidan estar rematados de cara ao inicio do próximo curso escolar. Permitirán, segundo destacou Cores Tourís, que o comedor se instale no edificio principal, destinando o espazo no que se atopaba actualmente, un edificio anexo, a salón de actos "para que os nenos poidan realizar alí as súas actividades e festivais".
O director do centro, José Manuel Sánchez Moure, explicou que co traslado do comedor "gañamos 45 metros cadrados máis e poderemos, se non aumenta de xeito importante o número de alumnos que solicitan este servizo, ter só un turno para as comidas, algo que ata o de agora non era posible".
En relación ao novo salón de actos, o responsable do colexio destacou que "permitirá a celebración de moitas actividades que, na actualidade, tiñamos que realizar incluso nos pasillos". A maiores, o traslado do escenario actual ao novo salón multiusos permitirá adaptar un espazo para a creación dun novo aula.
Cores Tourís recordou que a administración autonómica investiu desde 2009, nos centros educativos de Primaria e Secundaria de Pontevedra, case 3 millóns de euros, e aproveitou a presenza do concelleiro de Educación de Pontevedra para agradecer a colaboración do concello no mantemento dos colexios, así como a do equipo educativo de Campolongo por favorecer a posta en marcha e o desenvolvemento dos traballos neste centro.
XUNTA E CONCELLO DESTACAN OS SEUS INVESTIMENTOS
Neste senso, o xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares destacou o gran esforzo económico "en obras de mellora e posta a punto dos centros educativos, non só neste concello senón en toda a provincia" e recordou que cos traballos postos en marcha no CEIP Campolongo dase cumprimento a unha promesa realizada trala adscripción a este centro do Crespo Rivas. "Aínda que algúns opuxéronse fortemente a esta decisión, agora vemos que a Consellería tiña razón, xa que mellórase a calidade educativa en ambos centros", afirmou.
En relación as obras que se están a levar a cabo este ano, César Pérez Ares destacou a mellora das instalacións eléctricas dos IES Xunqueira, Xunqueira II e Frei Martín Sarmiento, así como a reforma da cuberta do IES Carlos Oroza e das estruturas do Valle Inclán. Tamén se executarán melloras nos ascensores do Torrente Ballester, do Sánchez Cantón e do colexio Marcos da Portela. Ademais, no colexio de Cabanas comezará en breve a execución dun cuarto de aseo para infantil. En total, case 300.000 euros de investimento.
Neste sentido, o concelleiro de Educación de Pontevedra, Agustín Fernández, sinalou que "calquera inversión pública que se faga en educación sempre será ben recibida", aínda que criticou de forma irónica o reparto que se fai dos fondos. "Sabemos que as posibilidades da Xunta son mais limitadas que antes, pero espero que en 2015 sexamos nós os que teñamos ese tipo de problemas na Xunta e xa veremos como repartimos os cartos".
Sobre o CEIP Campolongo, o edil socialista destacou que se trata dun colexio "de referencia" en Pontevedra, o que conta con máis alumnos matriculados, "polo que necesita ser tratado e mimado". Avanzou que o Concello de Pontevedra hará tamén un pequeño investimento nas pistas exteriores do colexio para "adecualas ás necesidades do colexio". Todo iso axudará, dixo, a que "contribuamos a manter a calidade da educación pública".