O paro crece en Pontevedra en case mil persoas en setembro polo final da tempada estival
Por Redacción
Chega setembro e, como é habitual, volve subir o desemprego. A provincia de Pontevedra rexistra un aumento de 992 persoas como demandantes de emprego, segundo os datos que publicou este mércores o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.
En total, son 61.241 pontevedreses os que se atopan sen traballo, un 1,61% máis que en agosto.
O aumento do paro baséase, sen ningún xénero de dúbidas, no sector servizos. Nel, 1.089 persoas quedaron sen traballo ao finalizar o verán. Tamén aumentou na industria con 53 parados máis. Pola contra, redúcese o desemprego na agricultura (-67), na construción (-34) e no colectivo sen emprego anterior (-49).
Pola súa banda, o número de parados rexistrados nas oficinas de servizos públicos de emprego subiu en 3.164 persoas en setembro en Galicia, un 2,06% con respecto a agosto, ata situar o total en 156.984 desempregados.
En España, o paro rexistrado aumentou en 13.907 persoas en setembro, ata un total de 3.079.711 desempregados. É, con todo, o menor repunte neste mes do ano desde 2007.
Pero non todos os datos son negativos porque crecen os cotizantes á Seguridade Social. Setembro pechou con 3.224 cotizantes máis en España, alcanzando os 19.323.451 afiliados, o mellor dato nun mes de setembro desde que existen rexistros.