O fútbol máis solidario xogouse este domingo en Caldas
Por Redacción & Diego Torrado
O campo municipal de As Corticeiras de Caldas de Reis acolleu este domingo 15 de setembro o partido de fútbol entre a Garda Civil e os servizos de Emerxencias.
Ás 17:30 saltaron os equipos ao terreo de xogo. Por unha banda, os axentes da Garda Civil dos postos de Caldas de Reis, Cuntis, Vilagarcía de Arousa e Valga vestidos de verde, e por outro, profesionais de distintos servizos de emerxencias das comarcas de Umia, O Salnés e Pontevedra, co equipamento branco e azul. Gañou a Garda Civil, pero o que menos importou aos participantes foi o resultado.
O prezo das entradas foi de tres euros e o diñeiro que se recadou destinouse á asociación Sonríe, entidade sen ánimo de lucro que traballa na loita contra o cancro. Ademais do importe da entrada, foron numerosos os asistentes que acudiron con alimentos non perecedoiros para Cáritas.
Esta é a segunda ocasión na que o deporte e o espírito solidario danse cita no campo de Caldas de Reis xa que o ano pasado, celebrouse unha primeira edición que deixou como resultado unha recadación de 548 euros que Sonríe doou ao Grupo GEIS (Asociación Española de Afectados por Sarcoma).
A asociación, que naceu fai tres anos tras a morte de cancro dunha amiga e familiar dos seus membros con tan só 25 anos, decidiu, que nesta ocasión,os fondos recadados destinaranse a un grupo de investigación de leucemia.