Preparados, listos, xa... a colchonetear!
Por Diego Torrado & Redacción
É xa unha cita ineludible do verán. A praia da Panadeira vaise enchendo de afeccionados ao plástico inchable desde media mañá coa intención de pasar un dos momentos máis divertidos do verán, xa sexa como espectador ou como participante.
Nesta ocasión, os organizadores que son os integrantes da asociación lúdica e cultural 'O Cubreiro' solicitaban aos participantes que se solidarizasen coa asociación de Peludos Invisibles de Sanxenxo ( APIS) achegando comida para mascotas.
Ás 12.30 horas comezaban as competicións coa saída para os máis pequenos participamentes, menores de 10 anos. Ás 13.00 horas iniciábase a segunda proba, a dos escolares con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos. E a partir das 13.30 horas chegaba a avalancha de colchóns inchables coa participación de todos os adultos que quixesen.
O obxectivo desta divertida proba é mostrar sentido do humor portando o disfrace máis orixinal ao mesmo tempo que se realiza unha proba de velocidade partindo das augas da praia da Panadeira ata as praia dos Barcos onde deberán dar volta para regresar ao momento de partida.
Esta iniciativa popular, que conta co apoio organizativo o Concello, converteuse en todo un éxito ano tras ano enchendo de colorido e risas esta xornada de domingo.