Luns de chuvias nas Rías Baixas antes da entrada do anticiclón de agosto
Por Redacción
Este domingo, as Rías Baixas manterán a influencia anticiclónica iniciada nas últimas horas, con ceos pouco nubrados ou despexados. Durante a noite e a madrugada regresarán as choivas cun cambio de vento de norte a compoñente sur. As temperaturas situaranse entre os 12 e os 25 graos, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia..
Ao longo do luns, Galicia quedará baixo a influencia dunha borrasca que deixará unha xornada de tempo inestable, con entrada de aire frío nas capas altas da atmosfera. Os ceos quedarán parcialmente cubertos, con probabilidade de chuvascos en toda a comunidade. As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente mentres que as máximas sufrirán un moderado descenso para situarse entre os 15 e os 22 graos. O vento soprará moderado do suroeste.
A partir do martes, as Rías Baixas recuperarán a influencia anticiclónica. Os ceos manteranse con nubes e claros durante a mañá. A partir da tarde, os ceos permanecerán pouco nubrados ou despexados. As temperaturas apenas sufrirán cambios. O vento soprará frouxo do noroeste.
As altas presións que entran, co inicio de agosto, en forma de cuña desde os Azores darán estabilidade a partir do mércores en toda Galicia. Vai aparecer vento do nordés deixando ceos abertos e temperaturas, ao longo da semana, que alcanzarán os 28 graos.