Un condutor dá positivo en drogas despois de causar dous accidentes en Pontevedra e Poio
Por Redacción
A Policía Local de Poio detectaba nas últimas horas un condutor que está a ser investigado como presunto autor dun delito contra a Seguridade Viaria por conducir baixo a influencia de substancias tóxicas ou estupefacientes.
O condutor protagonizara dous accidentes de maneira continuada. O primeiro rexistrouse na rúa Echegaray de Pontevedra e, a continuación, volvía ter outro accidente na rotonda da Barca, na entrada do municipio de Poio.
Os axentes da Policía Local de Poio realizáronlle o control de drogas e comprobaron que ofrecía resultado positivo. O home presentaba signos evidentes de que se atopaba baixo os efectos do consumo de substancias. As dilixencias foron remitidas ao xulgado.
Desde o venres 19 de xullo, os axentes da Policía Local poden realizar probas de control de drogas aos condutores cando mostren síntomas como a pupila dilatada ou dificultades de reacción e percepción. Ao realizarlles estas purebas, os axentes tamén poderán gravar aos posibles infractores como proba do seu estado. O fiscal coordinador de Seguridade Viaria, Bartolomé Vargas, remitiu unha instrución á Xefatura da Policía Local para indicarlles esta autorización e remitirlles a acta elaborada pola Fiscalía para estes casos de consumo de drogas ao volante para a posible derivación á vía penal.
Tamén se remitiu un oficio para que investiguen a utilización do teléfono móbil en relación cos accidentes de circulación. Isto permitirá aos axentes comprobar as chamadas que se realizaron previas ao sinistro na estrada.