Colectivos antitaurinos censuran o acceso de menores á becerrada programada o 3 de agosto en Pontevedra
Por Redacción
A plataforma Galicia Mellor Sen Touradas e a Fundación Franz Weber alertan sobre a proposta de acceso gratuíto para nenos desde os 12 anos na becerrada programa o día 3 de agosto en Pontevedra.
Segundo estes colectivos, a entrada de menores incumpre as recomendacións emitidas polo Comité dos Dereitos do Neno de Nacións Unidas con data 8 de febreiro de 2018, xa que o organismo independente da ONU recomendou a España unha revisión da súa normativa para impedir o acceso de persoas menores de idade a este tipo de eventos, tanto como participantes directos, como sería o caso das escolas taurinas, como en forma de espectadores.
Con todo, explican, a administración autonómica non se adaptou a esta recomendación, xa que a Lei de Espectáculos Públicos establece o veto nos 12 anos.
Neste sentido os antitaurinos avanzan que interpelarán á Valedora do Pobo para coñecer a súa posición respecto diso.
Para concluír, Galicia Mellor Sen Touradas e a Fundación Franz Weber cualifican a becerrada como "un espectáculo dantesco" sinalando a "cantidade de sufrimento que se infrinxe a animais de moi curta idade".