Impulsan unha reorganización do funcionamento municipal co nomeamento de tres novos directores xerais
Por Natalia Puga
O goberno local de Pontevedra anunciou este venres o primeiro paso para unha "renovación profunda" que pretenden impulsar no funcionamento da administración municipal durante o presente mandato 2019-2023. Será a posta en marcha de catro direccións xerais para reestruturar o traballo e a relación cos cidadáns.
Na actualidade xa existe un director xeral, José Manuel Tato, responsable de Urbanismo e servizos xerais. Durante o actual mandato sumaránselle tres máis nas área de Mobilidade, Recursos Humanos e Protección Cidadá e Emerxencias.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, deu a coñecer este venres a que considera que será " unha revolución, un cambio profundo", orientado a manter unha comunicación "fluída" e "directa" cos cidadáns.
De momento, non se decidiu quen serán as persoas que asumirán o cargo, aínda que Gulías anunciou que a intención do goberno local é que o seu nomeamento sexa efectivo o 1 de setembro, pois a idea é "non perder nin un minuto" para ese novo funcionamento.
Os novos directores xerais terán que ser funcionarios do grupo A1 e non necesariamente destinados na actualidade ao Concello de Pontevedra. De todos os xeitos, a portavoz municipal indicou que a intención do Executivo pontevedrés é "que sexan todos xente da casa".
Nestes momentos, o goberno local está "a negociar" con varias persoas e recoñecen que seguramente a negociación máis complicada será para atopar ao novo responsable da área de Recursos Humanos, que se encargará de organizar un persoal de máis de 500 persoas que hai na actualidade no Concello.
O responsable de Mobilidade terá unha responsabilidade importante en relación coa promoción internacional da cidade; o de Protección Cidadá coordinará á Policía Local, os Bombeiros e Protección Civil; e o de Recursos Humanos será o interlocutor directo cos traballadores municipais.
A retribución dos novos responsables está marcada por lei e non é superior á que xa cobra un funcionario do grupo A1, de modo que Gulías indica que o nomeamento destes tres novos responsables non terá un impacto importante para as arcas municipais.
A idea do Concello é levar xa a proposta de nomeamento ao próximo Pleno da Corporación, o primeiro do mandato. A continuación, deberase tratar en Xunta de Goberno, expoñerase ao público durante 20 días e, se hai alegacións, volverá á Xunta de Goberno. Para despois do verán, previsiblemente todos os trámites estarán terminados e en setembro empezarían o seu traballo.
Anabel Gulías destacou que o obxectivo do Goberno bipartito é "reforzar" a administración local e facilitar, sintonizar e tentar "falar o mesmo idioma" que os cidadáns. A súa intención última é ter unha administración local que funcione "como un reloxo suízo" e que teña un mecanismo "perfectamente sincronizado".