O Concello de Marín abre o xoves o prazo para montar mesas na Festa Corsaria
Por Redacción
Marín retrocederá un ano máis ao século XVIII para revivir a época corsaria da vila mariñeira nun evento que celebrará o 17 de agosto a súa oitava edición e que volverá poñer en valor a figura de Juan Gago de Mendoza. Aínda que aínda queda máis dun mes para a cita, desde o Concello están xa inmersos na organización da festa. Xa é habitual que colectivos veciñais, asociacións e grupos de amigos instalen mesas e asadores nas rúas para gozar do día ao aire libre. Co obxectivo de axilizar os trámites, o goberno local abre o xoves o prazo para solicitar espazos para hostaleiros e particulares.
Os interesados teñen de marxe ata o 9 de agosto para presentar no Rexistro do Concello o impreso, que poden descargar da páxina web ou recoller nas oficinas municipais, debidamente cumprimentados. Un dos principais requisitos para a concesión de postos é a ambientación. A cita do 2019 estará dedicada aos oficios do mar, polo que os solicitantes deberán realizar un proxecto cunha decoración acorde a esta tematica.
A feira de artesanía, que se celebra entre o 16 e o 18 de agosto, tamén manterá aberto o prazo de inscrición para os expositores ata o 1 de agosto.