O Parlamento insta á Xunta a buscar unha proposta "alternativa e sustentable" para depositar os lodos que retiren do Lérez
Por
O Parlamento de Galicia demanda á Xunta que elabore unha proposta "alternativa e sustentable" para o depósito dos lodos procedentes do dragado do Lérez que non supoña danar as rías galegas e, en concreto, depositar o material extraído nas inmediacións da illa de Sálvora, na ría de Arousa.
En concreto, a cámara galega aprobou, no pleno celebrado este mércores, unha proposición non de lei presentada polo grupo parlamentario de En Marea pola que se demandará da Xunta de Galicia a elaboración desa proposta conforme á normativa vixente e ás directrices existentes a respecto deste tipo de actuacións.
A proposta, segundo o texto aprobado, deberá supoñer que esa alternativa "garanta" que os lodos non afectarán a ningunha das rías galegas, nomeadamente a ría de Arousa.
A proposición non de lei aprobouse despois de incluír unha enmenda presentada pola deputada do BNG Montse Prado e de que En Marea se comprometera, en palabras do deputado Marcos Cal, a "estudar a posibilidade de transaccionala".
En Marea presentou esta proposición logo de que se fixera público que Portos de Galicia estudaba depositar os lodos procedentes do Lérez na Ría de Pontevedra nun punto da Ría de Arousa entre as rías de Ons e Sálvora designado hai anos polo goberno estatal para o depósito de vertidos.
Neste senso, a enmenda do BNG pide que que non se realice ese depósito nese punto, pero tamén que non se faga alí ningunha vertedura máis e que se faga un estudo sobre o impacto que tiveron na zona as toneladas xa depositadas no pasado.
O PP, que defendeu a súa postura a través do deputado pontevedrés Jacobo Moreira, mantivo que a Xunta de Galicia ten o compromiso de levar a cabo o dragado e explicou que o proxecto prevé a extracción duns 330.000 metros cúbicos de materiais, principalmente de area e áridos finos. Un total de 109.000 metros cúbicos serán empregados para rexenerar o banco marisqueiro de Campelo, o que, segundo Moreira, demostra que non se trata de material contaminante.
Moreira demandou aos grupos da oposición que "non alarmen nin contribúan a alarmar ao sector, porque non hai motivo algún" e asegurou que a dragaxe se vai facer con todas as garantías ambientais e administrativas, e iso inclúe a elaboración dunha proposta alternativa e sustentable para o depósito dos materiais procedentes desta actuación, xusto a petición de En Marea.
Entre outras cuestións, o 'popular' matizou que neste momento Portos de Galicia non ten autorizado ningún vertido porque non ten competencia para facer tal cousa, xa que a correspondente autorización de depósito no mar ten que ser validade finalmente pola Administración marítima, previo informe favorable da autoridade competente en materia de costas.
Marcos Cal pediu un estudo "en profundidade" dos lodos e insistiu en que a Xunta recoñece que son prexudiciais para a Ría de Pontevedra -onde se prevía o seu depósito no anteproxecto- e, polo tanto, tamén debe descartarse o seu depósito na de Arousa. Na súa opinión, é unha "irresponsabilidade" e unha "barbaridade" pensar en depositalos nas proximidades de Sálvora, cando, ademais, forma parte do Parque Nacional Illas Atlánticas e ten unha especial protección.
Este deputado denuncia que non se fixera un estudo "serio" e mantén que antes de realizar o dragado hai que analizar "todas as alternativas posibles" mentres que a nacionalista Montse Prado ve "lóxica" a oposición que manifestaron os sectores do mar de Arousa e Pontevedra.
A deputada socialista por Pontevedra Patricia Vilán criticou a "década de inoperancia" da Xunta sobre este tema, "que nin sequera foi capaz de facer un proxecto" e a día de hoxe só hai un anteproxecto.
Relacionadas:
-
A voltas cos lodos previstos na dragaxe do Lérez
Por Redacción |
-
Ana Miranda pide á Comisión Europea que vixíe a protección da Illa de Sálvora
Por Redacción |
-
Alfonso Rueda insiste en que a dragaxe do Lérez vai facerse con todas as garantías ambientais
Por Redacción |
-
"Dragaxe si pero non así", claman APDR e Ecoloxistas en Acción
Por Diego Espiño |
-
Os lodos da dragaxe do Lérez depositaranse nun dos puntos autorizados en 1998, segundo a Xunta
Por Manu Otero |
-
A Xunta asegura que non hai "decisión firme" sobre a dragaxe do Lérez
Por Redacción |
-
En Marea esíxelle á Xunta unha alternativa a Sálvora para o depósito de lodos procedentes do Lérez
Por Nacho Fuentes & Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O BNG demanda a licitación da dragaxe do Lérez no presente ano e o inicio das obras en 2020
Por Redacción |
-
O Club Naval espera que a Xunta de luz verde á dragaxe do río Lérez
Por Oskar Viéitez |