O colexio Telleiro colabora para instalar MeteoLanzada
Por Redacción
A ANPA Telleiro e o CEIP Telleiro, son promotores dun proxecto tecnolóxico e innovador que leva por nome MeteoLanzada e que pretende formar ao alumnado de educación primaria en dous ámbitos: a meteoroloxía e a enxeñería.
Este proxecto é a continuación do proxecto MeteoNoalla, a través do cal se colocaron dúas estacións meteorolóxicas no CEIP Telleiro coas que se fan rexistros e traballan nas aulas os nenos deste centro educativo.
O obxectivo principal deste proxecto é facer partícipe ao alumnado dos centros educativos do municipio do proceso completo, dende o punto de vista da enxeñaría, dos seguintes elementos de motorización da contorna: unha boia oceanográfica na praia da Lanzada que realice a medición constante das variables: altura da onda e temperatura da auga do mar e unha cámara Web con vistas á praia con emisión en directo 24 horas ao día.
Tendo en conta que se trata dun proxecto innovador, con vocación de estendelo ao resto dos centros educativos do municipio que estean interesados en traballar cos datos recabadados e coa pretensión de divulgalo en diferentes foros e congresos tecnolóxicos, o concello de Sanxenxo decidiu sumarse a esta iniciativa apoiándoa economicamente.
Así pois o concello comprométese coa firma do convenio que tivo lugar hoxe entre as tres partes, a financiar parte dos custos deste proxecto con 12.000 euros.
Pola súa banda, a ANPA levará a cabo a parte técnica e traballos de coordinación para a montaxe da boia oceanográfica e da cámara web e, por último, o colexio comprométese a coordinar e implementar no centro escolar a parte didáctica, programando diferentes actividades en función das materias e do nivel educativo do alumnado.